SOBRE A LEI DE CALIDADE

O Proxecto de Ley de Calidad de la Educación que o Goberno do PP vén de aprobar para a súa presentación no Parlamento, é unha lei fortemente ideolóxica, regresiva desde o punto de vista social e democrático e sumamente pobre desde o punto de vista pedagóxico.

É ideolóxica, malia vestirse con adubíos falsamente técnicos, porque se presenta abertamente como a defensa dun modelo educativo –o tradicionalmente chamado “segregado”, aquí eufemisticamente denominado “de oportunidades”- aducindo unanimidades que en ningún caso se teñen producido. Así, afirmar que o modelo comprensivo “fracasou” e que foi abandonado en tódolos países que o puxeron en marcha é simplemente falso. Foi modificado, en parte, en Gran Bretaña pero non foi abandonado na maioría de países escandinavos, que seguen a aplicar modelos educativos, no esencial de carácter comprensivo, cun éxito razoable.

A Ley de Calidad de la Educación parte dun diagnóstico falseado dos problemas do sistema educativo español e propón solucións que non o son. O fracaso escolar (un 25 % dos españois saen do sistema educativo sen titulación) non pode ser efecto dunha lei que aínda acaba de ser implantada senón que é unha carencia que se arrastra de antes e que, en todo caso, a LOXSE aínda non tería acertado a corrixir (pero faltan datos discriminados para poder comprobar se non comezaba a haber certa mellora). En canto á cuestión da indisciplina escolar e a carencia entre o alumnado dunha “cultura do esforzo”, os datos sobre indisciplina escolar en España (e moi sinaladamente os datos de Galicia) proban que a nosa problemática está aínda a anos luz da que se dá en países como Gran Bretaña e Francia, onde por certo se teñen implantado xa as medidas que neste borrador se propoñen como supostas solucións (os itinerarios, chamados lebels en Gran Bretaña, os vixiantes ou surveillants en Francia, a profesionalización da función do director). Isto debería levar a recoñecer que as causas dos problemas de indisciplina nos centros escolares non son principalmente internas ó sistema educativo senón externas, sociolóxicas.

O proxecto de Ley de Calidad de la Educación presenta características fortemente regresivas desde o punto de vista social e democrático. O primeiro porque introduce a posibilidade de establecer redes de escolarización diversificadora desde moi cedo (as “aulas de reforzo” en 1º, ó contemplarse como separadas das aulas “normais”, supoñen xa a posibilidade de abrir unha liña de escolarización para alumnado “retrasado”, obrigado a someterse a exames para poder reintegrarse ó grupo da súa idade). A renuncia explícita ó ideal comprensivo obsérvase tamén no tratamento da atención ó alumnado con dificultades especiais: fronte á concepción da LOXSE, agora xa non se contempla como obxectivo a integración nas aulas normais. É, logo, unha Lei que desde un primeiro momento establece a inevitabilidade e mesmo conveniencia de que, desde moi cedo, o alumnado siga itinerarios (no fondo, “redes” de escolarización) diversas que conducen non ó cumprimento dun obxectivo común, senón á separación dos cidadáns en categorías: os mellores, universitarios; os seguintes, FP; os malos, traballo sen cualificación.

A pobreza, desde o punto de vista pedagóxico, é notoria en tanto que toda solución se fai recaer en dous eixos, a “cualidade” e o “esforzo” do alumnado, a quen se culpabiliza en exclusiva do seu propio faracaso, ó tempo que se traslada ó campo educativo as concepcións neoliberais da competitividade empresarial. Así, preténdese que a “cualidade” se obterá mediante avaliacións ós centros que obrigarán a estes a “esforzarse” por obte-las mellores cualificacións para así poder captar alumnado. E o esforzo deste, mediante a multiplicación dos exames. Nunha palabra, o exame aparece de novo entronizado como único instrumento tanto para a mellora da aprendizaxe do alumnado como para a mellora do traballo do centro e mesmo para a recuperación da autoridade do profesorado.

O mesmo cabería dicir da cuestión dos contidos. Os novos curricula que xa están a ser difundidos proban un regreso ó ensino de contidos, con absoluto desprezo da atención ós procedementos e ás actitudes que introducira a LOXSE. Obsérvase asemade a desaparición das áreas de coñecementos e materias máis innovadoras e que viñan a cubrir unha carencia mil veces denunciada (nomeadamente no caso da Música). Obsérvase finalmente un esquecemento total da dimensión da educación en valores, esta si unanimamente reclamada nos documentos sobre cambio educativo promovidos polos organismos internacionais (por exemplo, a UNESCO) como unha finalidade educativa irrenunciable nunha sociedade democrática.

Resulta especialmente escandaloso o retroceso no eido da Educación Infantil, coa perda do carácter estrictamente educativo do primeiro ciclo (0-3 anos), medida que tan só se explica co obxecto de facilitar a creación de “guarderías” privadas. A imposición da aprendizaxe da lectura, escritura e cálculo no segundo ciclo da EI supón, ademais dun obxectivo de dubidosa pertinencia desde o punto de vista educativo, un grave risco de introducción dunha segregación precoz, posto que, ó non ser unha etapa educativa obrigatoria, atoparémonos no primeiro curso de Primaria cun alumnado (o que non puido asistir a un centro de EI) en condicións de desigualdade xa desde o inicio da súa vida escolar.

Parece, por outra banda, contradictorio acusar á LOXSE de ser excesivamente benévola co alumnado e simultaneamente acusala de provocar un alto fracaso. ¿En que quedamos?: ¿coa LOXSE regalábanse os aprobados ou coa LOXSE suspendíase demasiado? Naturalmente, a explicación desta contradicción por parte dos redactores do Proxecto de Lei –explicación implícita porque no texto se obvia que exista tal contradicción- é que ó permitir progredir “automaticamente” no 1º ciclo da ESO e “por imperativo legal” despois, se estaba a crear unha cultura da “pregriza” que facilitaba o fracaso final. Tal explicación non se sostén se non é partindo de que as novas concepcións avaliadoras que a LOXSE introduciu nunca foron aplicadas de forma xeralizada polo profesorado. A volta ós exames e á repetición de curso significa gratifica-la tendencia máis inmobilista do profesorado (¡espérase que sexa o corpo de catedráticos, tradicionalmente refractario a toda innovación didáctica, quen dirixa a innovación nos centros escolares!) pero só inxenuamente pode pensarse que o alumnado vaia mellorar poñéndolle máis exames.

Pretende compracerse especialmente a aquel sector do profesorado de secundaria que tradicionalmente despreciou a formación didáctica, prometéndolle “restaurar” a súa autoridade mediante exames e aulas máis homoxéneas das que serán excluídos os alumnos “preguiceiros”. Pero, ¿que lle agardará ó profesorado que teña que enfrontarse con esas aulas de “fracasados”? Dado que non se atreven a levar a súa lóxica segregadora ata o seu extremo, o que equivalería a botar fóra do sistema ós malos estudiantes, a segregación trasladarase ó profesorado e no futuro atoparémonos “profesorado de primeira”, encargado dos bos alumnos e dos itinerarios de prestixio, e “profesorado de segunda”, encargado dos malos e do itinerario inferior. Se temos en conta que se contempla a posibilidade de que os centros poidan seleccionar o alumnado segundo o expediente académico, haberá tamén “centros de primeira”, que tenderán a recoller o mellor alumnado, e “centros de segunda” para o peor. ¿A alguén lle cabe ningunha dúbida de que os primeiros serán maioritariamente privados e os segundos públicos?

Significativamente, a única modificación relevante do inicial borrador da Lei consiste na introducción dun “área ou asignatura” de “Cultura e Relixión”, co obxecto de satisfacer as demandas da xerarquía católica de consolidar o ensino de carácter confesional e establecer unha asignatura alternativa de cultura relixiosa, as dúas con carácter avaliable. É dicir, de todas as opinións formuladas desde distintos sectores preocupados polo futuro da educación, o Goberno só prestou oído ás reclamacións promovidas pola igrexa católica.

Finalmente, a Ley de Calidad, coa excusa dos problemas orixinados pola implantación dunha nova etapa educativa (a ESO), proponse modificar toda a lexislación educativa (non só a LOXSE, senón tamén boa parte do contemplado na LODE e na LOEPE), erradicando o máis mínimo vestixio de participación democrática nos centros (concentración de todo o poder nos órganos de dirección unipersoal, reducción do Consello Escolar a un papel meramente consultivo), promovendo a apoio descarado do ensino privado (as únicas concrecións de tipo económico incluídas no proxecto refírense á ampliación das subvencións e os concertos para a etapa de Educación Infantil) e reducindo practicamente o papel das Comunidades Autónomas a pagar o que previamente vén decidido desde Madrid. Tan radical modificación, se a comunidade educativa e a cidadanía non o remedian, pretende imporse silenciando o imprescindible debate mediante unha tramitación parlamentaria a fume de carozo, tal e como sucedeu no caso da LOU.

A nós, docentes, cúmprenos probar que a suposta unanimidade arredor da bondade desta Lei, da que presume o Goberno, está ben lonxe de ser certa.

NOVA ESCOLA GALEGA